Informe sobre a reunión no Ministerio de Agricultura.

A pasada semana tivemos unha reunión no Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (MAGRAMA). Debido a que Avimós é o representante da sección avícola para toda España, dentro da Federación de Razas Autóctonas Españolas (FEDERAPES), asistimos coa Federación Nacional a unha reunión co Director Xeral de Producións e Mercados Agrarios e dous Subdirectores do seu departamento.
Nesta reunión plantexamos a importancia de que a administración española, sexa sensible ás problemáticas existentes de cara ao fomento das pequenas explotacións avícolas, que non teñen nada que ver nas súas producións, coas miles de unidades da gran industria avícola.
Especialmente tratouse a normativa europea que exime do cumprimento de determinados requisitos no caso do subministro directo polos produtores de pequenas cantidades de produtos primarios ao consumidor final ou a establecementos locais de venda polo miúdo para o abastecemento ao consumidor final e de aves sacrificadas na explotación, en determinadas condicións. O problema neste caso é que en España, a normativa non permite este sacrificio, cando no resto de países europeos, si, algo que parece inxusto.
Desde Federapes plantexamos unha proposta de cara a avanzar nesta autorización, comprometéndose o Magrama a interceder ante o Ministerio de Sanidade para apoiar aos pequenos produtores de razas autóctonas de galiñas e favorecer os mercados de circuitos curtos de comercialización.